A Consellería de Medio Ambiente abriu o período de presentación das
solicitudes para o sorteo dos permisos de pesca nos coutos para a
tempada 2009. As solicitudes, tanto individuais como en grupo (máximo
de tres solicitantes), poderán realizarse ata 30 de setembro, segundo
aparece publicado no DOG do 22 de agosto de 2008.
Os impresos de solicitude están dispoñibles nos servizos provinciais
da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e na páxina web http://medioambiente.xunta.es/formularios.jsp. Estes poderán presentarse nos rexistros das delegacións provinciais da consellería, ou ben a través da páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/.
Para a presentación das solicitudes por escrito é necesaria a sinatura
e a copia do DNI de cada membro, mentres que nas telemáticas débese
introducir o número de DNI e o da licenza de pesca fluvial (a vixente
ou calquera de anos anteriores).
A admisión das solicitudes poderá consultarse a través da páxina web
coa introdución do DNI. Ademais, aqueles que non figuren nas listas
terán un período de reclamación do 15 ao 27 de outubro.
Os admitidos poderán participar no sorteo de permisos de pesca, que
se realizarán o 14 de novembro ás 12:00 horas nos servizos provinciais
de Conservación da Natureza.
Para a elección de permisos, os servizos provinciais establecerán
grupos de coutos. A listaxe dos mesmos estará exposta no taboleiro de
anuncios das delegacións provinciais e na web.
Unha vez escollidos os permisos, os sobrantes e non retirados nos
prazos fixados para elo serán incluídos nun segundo proceso de escolla,
que se realizarán unicamente a través da web; e os sobrantes deste
proceso serán postos á venda libre nos servizos provinciais de
conservación ata 10 días naturais antes do comezo da tempada en cada
couto de pesca.
No prazo de 10 días naturais contados dende a data da escolla, os
permisos seleccionados deberán ser pagados e recollidos no servizo
provincial. Vía xunta.es
Votar favorito (30) | Visto: 781
Powered by AkoComment Tweaked Special Edition v.1.4.6 |