A respeito da polémica suscitada sobre o sistema do proceso selectivo levado a cabo pola cooperativa de vivenda protexida do Concello de Oleiros o BNG de Oleiros quere aclarar o seguinte:
1) Se a normativa aplicada polo Concello é a mesma que a da Xunta, García Seoane debería explicar porque non acata o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda promovido pola Consellaría de Vivenda e que ten máis de 15000 demandantes.
2) As declaracións efectuadas polo alcalde de Oleiros a respeito das vivendas protexidas no concello de Oleiros quizais se expliquen polo feito de as persoas solteiras vinculadas á Alternativa dos Veciños puideren acadar vivendas protexidas de case 90 metros cadrados, mentres que familias con fillos a cargo e máis necesidades teñen sido excluídas en anteriores convocatorias desas vivendas promovidas polo Concello.
3) Priorizar a antiguidade no padrón por diante das necesidades sociais reais é unha medida insolidaria, inxusta, antisocial e localista. De feito, nos requisitos exixidos para o acceso a facer parte das cooperativas, e, por tanto, a acceder ás vivendas de protección, figura textualmente “Acceso a las cooperativas: Por orden de antigüedad en el padrón”, medida esta que non se corresponde coa normativa da Xunta.
4) O Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta xa prioriza os/as residentes e traballadores/as no concello á hora de acadaren vivenda, e só o interese de conceder vivendas a dedo explica a cláusula de antiguidade introducida como criterio de selección para o acceso ás vivendas.
5) A xente moza de Oleiros segue sen ter vivendas públicas de aluguer ao seu dispor. Segue a marchar xente moza do concello mentres se están a conceder vivendas a moitas persoas que poderían acceder a vivendas no mercado libre, e segue o Concello de Oleiros a caracterizarse no proceso de concesión de vivendas polo amiguismo e pola priorización da afinidade política por diante das verdadeiras necesidades de vivenda por parte das familias de Oleiros con menos recursos. Resulta curioso que sexa precisamente o Concello de Oleiros o que se posicione contra a primeira Consellaría de Vivenda que promove o 40 % do solo para vivenda protexida, tan só para utilizar o solo do concello dunha maneira caciquil, privatizadora, clientelar e, mais unha vez, para polemizar cun asunto tan trascendente como é o acceso da sociedade a unha vivenda digna.
O BNG de Oleiros recomenda a García Seoane que colabore con aquelas administracións como a Consellaría de Vivenda para así seguir unhas claras directrices sociais que reconduzan a concesión de vivendas protexidas no noso concello, en lugar de illar o concello e colocalo máis unha vez nun escenario de descalificacións e enfrontamentos, e recomenda que se deixe de empregar o concello de Oleiros como se fose propriedade privada de García Seoane. Nada máis lonxe da xustiza social, da solidariedade cos máis desfavorecidos e do reequilibrio entre os que máis teñen e os que máis necesitan que a mentirosa política de vivenda practicada polo goberno local de Oleiros, caracterizada pola súa falta de transparencia, que segue a ver todos os males do concello noutras administracións, cando é o goberno local o maior responsábel dos males do concello.
|